viernes, 11 de noviembre de 2022

Capítulo Jubilar 2021/2022: Luis Vaamonde nos interpreta "Os Mariñeiros" de Castelao

 


Unha rúa nun porto lonxano do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo.

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

O mariñeiro que fala francés e mais o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos para seren máis amigos. ¡Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse!

E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo, comenza a cantar:

Lanchiña que vas en vela,
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

O mariñeiro que fala francés arregala os ollos, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

Lanchiña que vas en vela
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos.

O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana vermella escorregaron as bágoas. E dispois dixo para si nun laído saudoso:

.¡Lanchiña que vas en vela!

Tamén o taberneiro era galego...


No hay comentarios:

Publicar un comentario